Complice 2017Complices

Sandra Sánchez

Narón, 1970

Formouse na primeira promoción da Escola de Imaxe e Son da Coruña, e ten unha extensa traxectoria como directora, montadora e guionista.

Tras dirixir varias series e documentais, en 2011 estrea a súa primeira longametraxe como directora e o seu traballo máis persoal: Tralas luces, na que asumiu dirección, guión, montaxe e fotografía. Foi estreada no Festival de Cine de San Sebastián (Sección Zabaltegui, Novos directores), recibiu 3 premios Mestre Mateo e unha mención especial do xurado nos Premios da Crítica Galega no 2011.

Como montadora, pódense destacar os filmes Migas de pan, de Manane Rodríguez (actualmente seleccionado por Uruguay para competir nos Óscars de Hollywood); Esquece Monelos, de Ángeles Huerta; Querida Gina, de Susana Sotelo; Doentes, de Gustavo Balza ou Rafael, de Xavier Bermúdez. Tamén numerosos documentais como Torre de pan, de Jorge Coira; Isaac, de Xosé Abad; Aguiño, sobrevivir ao prestige e Manuel Quiroga (escritos e dirixidos por ela). Ademais de curtametraxes e series de televisión como Luci, Maridos e mulleres, A casa de 1906 ou Rías Baixas.

Neste ano 2016 realizou a curta Matías, dentro do II Chanfaina Lab, que se puido ver na última edición do Zinebi, en Bilbao, e está comezando a ter percorrido por distintos festivais internacionais.

Actualmente, ademais de continuar a súa actividade como montadora, está traballando na escritura da que será a súa primeira longametraxe de ficción.