Mans salgadas

Featured Video Play Icon

IES de Foz

O proxecto da curtametraxe Mans salgadas, realizada por alumnado de 3º ESO e 1º BACH do IES de Foz (Rosa Martín, Marta Rega, Uxía Rodríguez, Eva Martínez, Carla Neira, Iria Araúzo, Manuel Menacho, Carla Palmeiro e Diana Rodil -alumna do IES San Rosendo-), desenvolveuse ao resultar premiado no Concurso de Proxectos Audiovisuais Vidas Mariñeiras 2018, un programa de formación audiovisual para o coñecemento da contorna a cargo do GALP (Grupo de Acción Costeira A Mariña-Ortegal).

En Mans salgadas, mulleres e homes falan da súa relación constante co mar a través dos recordos dos seus oficios. No proxecto quíxose poñer énfase nos traballos vinculados ao mar na vila mariñeira de Foz, especialmente aqueles con protagonismo feminino, comunmente infravalorados e que, co paso do tempo, ficaron nun segundo plano, desapareceron ou deron nunha mudanza necesaria: a actividade nas conserveiras, a recollida da olga, o arranxo das redes… Ademais de poñer en valor o patrimonio cultural ligado ao mar e os seus oficios, procurouse deixar constancia de como a actividade mariñeira foi motivo e inspiración da creación literaria de autores e autoras como Luísa Castro, Manuel María ou Paco Rivas, facendo florecer versos de lembranzas, ao tempo que alcumes, termos e ditos dos mariñeiros locais enriquecen a lingua na súa variedade diatópica e confírenlle identidade á fala da veciñanza: o mar veu á lingua para quedarse a través da fala popular e tamén da literatura culta.

Imaxes dunha película de arquivo practicamente descoñecida (Riquezas Lucenses) e fotografías antigas combináronse coas filmacións actuais para dar forma á curtametraxe.
As sesións de formación, o proceso de rodaxe e a montaxe do proxecto audiovisual desenvolvéronse durante o primeiro trimestre, da man de Marcos Flórez e coa colaboración do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Foz.