Olloboi 2019

Olloboi 2019

Resumo Olloboi 2019

A 9ª edición do festival Olloboi celebrouse o venres 10 de maio en Cabo de Cruz con toda a emoción e intensidade a que nos vén acostumando un público ecléctico, xeneroso, crítico e cariñoso. Na organización, o equipo habitual (Petro, Susana, Lolo, Ana, Yaiza e Javi) e unha nova incorporación: Sara Hermo. Moi orgullos@s porque é exparticipante do festival, no que levara un premio no 2014, e xa licenciada en Cine. Hai canteira!
A Muchachada Matiné 2019 contou con máis artistas e centros que en edicións anteriores e trouxo como resultado 8 pezas de cine escolar-guerrilla que mesturan arte, aprendizaxe e compromiso social (da man das activistas culturais Unión de Muchachas). Durante toda a mañá, 129 rapaces e rapazas de diferentes centros (A Pobra, Boiro, Padrón, Marín e Guitiriz) traballaron xunto a mulleres do mar de Cabo e 17 profesionais do cine para documentarse, guionizar, producir, gravar e montar as súas curtas. O traballo máis valorado polo xurado foi Prohibido coger cabeza, do alumnado de 3ºESO do IESP A Cachada. A música foi composta in situ por un dos alumnos, e a coordinación do equipo levárona a cabo o director Enrique Otero e o actor e guionista Miguel de Lira, que se reencontraban no mundo do cine dez anos despois da súa cinta Crebinsky.
Ás 18.00h xuntámonos un ano máis nos Asteleiros Triñanes, onde Quico Cadaval foi presentando as parellas creativas da mañá e dando paso ás curtas elaboradas. Visionamos as pezas da Muchachada e fallamos as gañadoras. Logo dunha interpretación de dous temas musicais a cargo da Escola de Música de Boiro comezou a entrega de premios, conducida como sempre polos ollobois Federico Pérez e Sabela Hermida. Os premios foron entregados polos cómplices deste ano: Sonia Méndez, Sandra Lesta, Miguel de Lira, Jorge Boquete, Óscar Cruz, María Tasende, Manuela Varela, Alfonso Zarauza, Carmen Méndez, Xaime Miranda, Sabela Blanco, Xosé Barato, Anxos Fazáns, Luis Avilés, Suso López, Andrés Goteira, Cris Iglesias e Álvaro Gago.
De entre todos os finalistas, foron premiados os seguintes:
O fin de festa foi amenizado polo grupo de gaitas Andavía e as cantareiras Nunca é tarde mentras comíamos un riquísimo Arrós mariñeiro feito pola Gerardo Troupe. Antes de marchar, purificamos o asteleiro danzando ó redor dunha queimada que nos agasallou o supercómplice Core, da Abadía de San Enrique. E aínda quedou oco para unha sesión de DJ Pementa Preta na Pousada das Ánimas!
O noso máis grande agradecemento a todos os colaboradores: Asteleiros Triñanes, Abadía de San Enrique, Unión de Muchachas, Andavía Gaiteiros, Nunca é tarde, Deleite, Rianxeira-Jealsa, JJ Chicolino, Mascolor, Publiser, Autobuses Outeiral, Garlou, IESP A Cachada, Geno Cabinamóvil, Gadis, Pousada das Ánimas, Escola de Música de Boiro e Academia Galega do Audiovisual.

Aquí podes ver tódolos vídeos da edición

Patrocinadores e Colaboradores

OlloCentros 2019!