Olloboi 2020

 

Gala Doméstica

A pandemia non acouga e as expectativas de volver ás aulas con normalidade non son altas. O que é aínda peor: nin sequera sabemos cando poderemos celebrar o estarmos xuntos cun bo abrazo. Nestas condicións, o Festival Olloboi que coñecemos carece de sentido. Promovemos a creatividade e o compromiso a través do cine, pero sempre na base do convivio, da experiencia compartida, da celebración.

Non por isto deixamos de traballar para a canteira do noso cine: neste tempo elaboramos dous videotitoriais para facer videocreacións na casa (a creación e a edición) con móbil, e convocamos a categoría Olloboi COVÍD-eo.

Propoñémosvos que xuntedes enerxía e participedes nela, agora que empezamos a asimilar o ritmo das teleclases e que a tempestade amaina. Queremos coñecer o voso relato, real ou ficticio, do que pasou e do está por vir. Podedes enviarnos esas pezas ata o 11 de xuño no formulario que atoparedes máis abaixo. Desde o 12 ata o 18 de xuño abriremos voto telemático para que todo o mundo poida escoller unha das creacións presentadas a concurso. O venres 19 fallaremos as dúas curtas gañadoras: a do público e a do Equipo Olloboi. Ambas pezas terán un premio en merchandising de Olloboi e poderán asistir a unha rodaxe real en canto as condicións de seguridade o permitan.

O resto de pezas enviadas pasarán ó concurso Olloboi 2021, e estade seguros dunha cousa: celebraremos o 10º aniversario con todo o respecto que vos merecedes!

Unha forte aperta e a seguir creando, Ollobois!

Claves para a creación

Edición con móbil

OlloCentros 2020!